Blogia
La noche inmediata

As razóns deste blog

As razóns deste blog

O desexo de escribir forma parte do braille da nosa pel. Se nos regalas unha caricia, é posible que percibas que estamos repletos de palabras. Que a nosa epiderme reborda historias. Que queremos contar(che) o mundo. Que desexamos ser lidos. Que nos gusta tanto ler. Que amamos os cantos e os contos. Que nos gustamos descubrindo un novo/vello libro fascinante. Que nos queremos. Que nos lemos, e na medida en que nos lemos, nos aprendemos a querer un pouco máis.

Que somos amig@s.

Despois dun ano enteiro véndonos as caras cada martes, no MACUF, ao abeiro da Maxia das Palabras, e despois dunha máxica fin de semana partillada na Casa do Sixto, en Paderne, ese lugar onde soñar as mellores historias mentres se fai a dixestión, se ve un anoitecer de fábula, se fai a dixestión, se conta un conto encadeano, se fai a dixestión, se ri sen cancelas, se fai a dixestión... Despois de facernos amig@s e compañeir@s de todas estas farturas, dixestivas e espirituais, literarias, sempre literarias, acordamos, en pleno xogo de sermos o que queremos ser, facernos tamén blogueiros: abrir este espazo entre o presente e a lembranza que nos una para sempre.

"la noche inmediata" son tres palabras perdidas no interior de El escarabajo, obra de Manuel Mujica Láinez aberta ao chou mentres buscabamos un nome para identificar este blog.

As mellores historias sempre nacen así: ao acaso. Na inmediatez dun desexo que se fai noite para contar até que o sono nos mergulle en soños sen fin, esoutra maneira de lermos.

Benvid@ á nosa noite de historias sen fin.

Queda con nós, escríbenos se queres, na lingua que che pete, desde a parte do mundo na que vivas. Todos e todas nós somos o variopinto retrato da diversidade.

Só che pedimos a cambio o que diciamos ao comezo: unha caricia sobre a nosa pel que che ensine a descubrir o braille das historias que levamos dentro.

 

4 comentarios

Eusebio -

Con ese inicio tan ben posto é seguro que o camiño deste blog está garantido. Fermosas palabras escritas cun corazón sinxelo que tenta de xustificar un nacemento, o comezo da vida de este blog das verbas engaioladas, parabéns por este bonito nacemento.

Rosario -

Paréceme este blog como a lampadiña do xenio que ao tocala bota unha esencia máxica chea de recordos vividos e desexos de contalos. Graciñas por estar ahí.

Ánxela Gracián -

Memorias dunha Fin de Semana Máxica chea de palabras ou Apuntes para un blog infinito
Esta fin de semana xoguei a ensaiarme escritora; tamén a improvisarme contadora e engaioladora de mentiras máxicas feitas de palabras.
O QUE NOS UNIU UN DÍA E XA NON NOS SEPARARÁ NUNCA
Amizade incondicional e eterna porque, como ben escribiu Xosé Antón, nos une a necesidade existencial de contar, de escoitar contos, de soñar palabras.
Amizade incondicional e eterna porque en todos nós agromaron eses sentimentos esquecidos que nos foron habitando dende a infancia e que se nutren de querencias, ausencias e errancias varias. O que fomos, o que somos, o que seremos, o que nos falta.
Amizade incondicional e eterna que será o xermolo para construír este blog colectivo tan intenso e interesante que non haberá nunca ninguén en ninguha parte que desexe que se acabe nunca, porque este blog ten a esencia de todas as boas novelas, de todas as utopías e a beleza da desembocadura plácida do Mandeo nas xunqueiras enmarañadas de Paderne.

Rosario -

Es un saludo muy estimulante. Espero que alguien teclee algo para corresponder a las expectativas.